viernes, 6 de mayo de 2011

ORTIGUEIRA SOSTIBLE COS COMUNEIROS DE COUZADOIRO

Como fixeron xa outras parroquias, Couzadoiro leva anos teimando por recuperar os montes que durante o franquismo pasaron a ser de titularidade estatal e que agora está xestionar o Concello. Os comuneiros demandan deste a devolución da propiedade dos montes e denuncian que non está a invertir o 95% do rendemento xerado por estes na parroquia tal como estipula a lei. Ante a resistencia do goberno municipal a cumplir con estas demandas, os veciños teñen iniciada unha campaña que nos fan chegar a través do seguinte manifesto co que nos solidarizamos e do que nos facemos eco:

COUZADOIRO COMUNEIRO
 
Os veciños de Couzadoiro comezamos fai máis de dous anos unha loita social e administrativo-legal coa corporación municipal do Concello de Ortigueira do actual alcalde Rafael Girón.
Reclamámo-la devolución dos montes veciñais da nosa parroquia (hoxendía calificados de propiedade municipal e xestionados polo Concello), e a súa clasificación como Montes Veciñais en Man Común, do mesmo xeito que no seu momento o fixeron as parroquias de Mera, San Adrián e Loiba; para sermos nós, os veciños de Couzadoiro unidos, quen xestionémo-lo noso patrimonio natural.
O Concello de Ortigueira, co seu alcalde á cabeza, opúxose a esta xusta reivindicación:
1º.    Negándonos os documentos oficias solicitados para o proceso administrativo aberto.
2º.    Evitando dar explicacións públicas da súa postura, a excepción dunha carta cando menos irónica (por non usar outros termos).
3º.    Utilizando os cartos públicos dos impostos de tódolos veciños do municipio, para contratar un equipo de avogados co que opoñerse ós veciños.
Sen embargo, pese ás dificultades e ós nosos escasos recursos económicos, o proceso continuou o seu curso legal, de xeito que en xaneiro de 2011, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña iniciou o Expediente de Clasificación como Veciñal en Man Común dos montes Carabelote e Montecalvelo.
O Concello, unha vez máis, amosouno-la súa oposición presentando un informe de alegacións cheo de falsedades, co único obxectivo de instala-lo pesimismo entre os veciños, arredarnos das nosas reclamacións e tentar facernos desistir da loita.
Ante tales feitos, os veciños de Couzadoiro non cedemos na nosa postura e sentímonos con máis forza que nunca para continuar co que, entendemos, é unha xusta reivindicación. Para demostra-la nosa intención de seguir adiante co proceso e protestar polos abusos que dende o Concello se veñen facendo con esta parroquia dende que iniciamos esta loita:

CONVOCAMOS UNHA CONCENTRACIÓN  PÚBLICA PARA O VINDEIRO SÁBADO 14 DE MAIO ÁS 18.00 horas NO CAMPO DE FÚTBOL DE COUZADOIRO CO LEMA “COUZADOIRO COMUNEIRO”.

Animamos a tódolos que queiran a vir protestar connosco e amosárlle-lo seu apoio nesta causa ós veciños de Couzadoiro, ofrecéndonos para transmitir máis información acerca do tema en cuestión e dárlle-la benvida á nosa parroquia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario