jueves, 23 de julio de 2015

ORTIGUEIRA CONTRA OS VERQUIDOS CONTAMINANTES NO CONCELLO



O pasado martes asistín a unha xuntanza de veciños de Ortigueira ao pé da canteira de Camiño Grande, Devesos, convocada polo alcalde Juan P. Muras, na que informou de que dende facía alomenos dez dias estábase a depositar na canteira un material coñecido como tecnosolo, realizado con lodos de depuradoras e residuos industriais, para aplicalos nun proxecto que a empresa denomina de "rexeneración ambiental". O tecnosolo, fabricado en Somozas, está considerado non apto para utilizar en lugares proximos a mananciais e cabeceiras de ríos pola súa toxicidade. A empresa que o produce,  foi denunciada no 2013 ante a fiscalia e o Parlamento galego por realizar numerosos verquidos contaminantes presuntamente sen permiso. O alcalde asistiu acompañado pola alcaldesa de Moeche, do BNG, que no seu concello tamén recibiu e rexeitou unha solicitude para desenvolver un proxecto semellante na canteira de Gabriel Pérez. Muras, que viña tamén acompañado pola secretaria do Concello, non sabemos aínda con qué motivo, manifestou non saber que se estiveran levando a cabo os verquidos dende facía tanto tempo, e ante a perplexidade da veciñanza, declarou descoñecer si o Concello emitira ou non, nin quen fora o responsable do informe a Medio Ambiente, co que a empresa di contar debidamente asinado e con data de saída (debeu caerse inopinadamente da carpeta de algún "despitado"). A secretaria amosaba con abraiante impasibilidade a súa ignorancia sobre o tema. O alcalde secundou as denuncias veciñais que alertaban da presencia próxima de acuíferos que poderían facilmente ser contaminados e o alto risco para a seguridade e a saúde pública, que supostamente foi ignorada no desaparecido informe, e declarou que ía a paralizar inmediatamente as obras alegando a ausencia de licencia municipal. 
Considero que esta medida é, por suposto, necesaria e ineludible. No seu dia a asociación ecoloxista ADEGA denunciou que baixo a apariencia dun producto tecnicamente permitido, estanse a camuflar verquidos  para desfacerse de residuos altamentes contaminantes que costa moito reciclar. Sorprende no entanto a falta de dilixencia do goberno municipal, que permitiu durante moitos dias os verquidos de grandes cantidades de estes lodos. E tampouco entendo que despois de tanto tempo non fose quen de atopar un informe emitido pola administración que goberna, ou iniciar un expediente para depurar as responsabilidades derivadas do seu extraño extravío. Tamén poderíase reprobar a notable falta de interese do concelleiro da oposición polo BNG, Carlos Rodríguez, que non acudiu, coma a súa compañeira de partido de Moeche e pese a seriedade do asunto denunciado polos veciños, e que despois se excusou de xeito ben desafortunado nas redes sociais declarando que "non está en política para figurar". Alí, si mo permite, podían facerse mellores cousas que figurar. En relación aos membros do partido saínte da corporación municipal, presuntos responsable do devandito informe e valedores da desfeita, a súa ausencia era do máis esperable. Non teñen excusa posible.