sábado, 30 de abril de 2011

OITO RAZÓNS POLAS QUE FUMOS Á MANIFESTACIÓN CONTRA O RECHEO

O pasado día 24 numerosos cidadáns saímos á rúa para amosar a indignación e o rexeitamento que nos producen as obras que a Xunta está a realizar no porto da vila. Pese ao pouco tempo e aos escasos medios con que se realizou a convocatoria, a resposta dos orteganos foi enormemente satisfactoria e queremos transmitir a todos os participantes o noso agradecemento. Porén a magnitude da desfeita debería concitar unha reacción das mesmas proporcións, e cremos que a pasividade que amosou a maioría ten como orixe fundamentalmente a desinformación da que son en gran medida responsables os medios de comunicación institucionalizados, que actúan exclusivamente como correa de transmisión do goberno. Por iso queremos achegar de xeito resumido e transparente as razóns polas que tanta xente luciu o domingo pancartas pola rúa:
  1. Constitúe unha inaceptable demostración de cinismo que Portos de Galicia denomine “rexeneración” deste espazo a unha actuación que non tiña en absoluto esa finalidade e que nin sequera contou coa preceptiva Declaración de Efectos Ambientais.
  2. Consideramos tamén unha burla que se pretenda describir o amontonamento de area realizado no espazo contigüo ao porto como un proxecto de “praia urbana”, cando o lugar é insalubre, non reúne de ningún xeito condicións para tal fin e, asemade,  facer unha praia nunca foi o propósito de realizar dito acopio de area, nin así consta en ningún proxecto ou reformado realizado por Portos de Galicia.
  3. A realización dun recheo na ría no medio dun núcleo urbano coa finalidade de acoller os lodos dun dragado é completamente inxustificable. Mais aínda tendo en conta que se trata dun espazo da Rede Natura 2000 que conta con todas as figuras de protección que existen para zonas litorais de alto valor ambiental e nas que intervencións deste tipo están expresamente prohibidas pola Lei.
  4. Este recheo é innecesario para o desenvolvemento social e económico deste municipio, non aporta nada ao benestar dos orteganos e, de nengún xeito, compensa o seu custe ambiental. Pola contra supón a devaluación do espazo público que temos ao convertelo nun vertedoiro.
  5. O proceso de tramitación deste proxecto non contou coas garantías que prevén as leis de conservación do medio, nin se realizou coa transparencia necesaria para que os afectados puideramos achegar alegacións. A falta de exposición pública do proxecto íntegro púxonos aos cidadáns ante feitos consumados e en situación de indefensión.
  6. O elevados custes ambientais e económicos desta obra son consecuencia dunha deficiente planificación e de adoptar soluciones improvisadas sobre a marcha para problemas completamente alleos aos intereses desta comunidade.
  7. Todos os cidadáns somos responsables do patrimonio natural e histórico e temos a obriga de defendelo e esixir responsabilidades a quen o perxudica dun xeito tan difícil e gravoso de revertir.
  8. Coñecemos o valor da ría como espazo natural, queremos conservar íntegro este patrimonio para as xeneracións que han de vir detrás de nós e consideramos que esta intervención altera substancialmente o seu equilibrio ecolóxico e estético. Non imos deixar que os feitos consumados deteñan a denuncia deste proceder neglixente por parte da Administracción pública que debe velar polo medio ambiente, invertir os fondos públicos con criterio de sostibilidade e responder ante os cidadáns da súa mala xestión.

lunes, 25 de abril de 2011

ORTIGUEIRA 24 DE ABRIL DE 2011. PRIMEIRA MANIFESTACIÓN CONTRA O RECHEO DA RÍA




MANIFESTO CONTRA O RECHEO DA RÍA

Todos os que vivimos en Ortigueira compartimos a estima polos excepcionais atributos naturais con que contamos. A ría é parte indisoluble da nosa historia e da nosa vida; da economía pasada deste lugar,da presente e da futura. Paisaxe e natureza son valores en alza na nosa sociedade, valores codiciados no novo modelo turístico, respectuoso e sustentable, que se está a impoñer e para o que esta localidade posúe características idóneas que habería que salvagardar como un tesouro. Pero paisaxe e natureza son sobretodo os factores que nos aportan aos que aquí vivimos unha calidade de vida que existe en cada vez mais escasos lugares. O sabemos e por eso estamos comprometidos na súa custodia.

Porque este patrimonio natural de enorme valor non é un ben inesgotable, resulta ser tamén extraordinariamente fráxil. A fisonomía da nosa ría sufriu ao longo do tempo numerosas transformacións da man humana, algunhas delas de gran impacto como os portos e os recheos, e algunhas delas mais xustificadas que outras. Por iso as entidades que recoñecen este valor a dotaron de tantas figuras de protección. Sabemos xa que hai que deter este proceso de degradación, que é posible facer compatible a nosa actividade cun equilibrio ambiental. Cremos que a explotación da riqueza deste entorno depende vitalmente da súa coidadosa conservación e que preservala é garantía de aproveitamento por tempo indefinido. Non podemos tolerar que se realicen intervencións na ría como ésta que presenciamos que, sen xustificar a súa necesidade, alteran tan gravemente a súa configuración e comprometen os seus ecosistemas. Este novo recheo se está a realizar por motivos alleos ao interese desta comunidade e facendo uso de fórmulas engañosas que non aceptamos: Non están a rexenerar a ría como pretenden, senón a degradala mais. Non están a crear unha nova praia, senón arruinando o espazo público que xa temos. Existen alternativas. Existen opcións mais sensatas, económicas e sustentables no tempo.

Por iso non podemos menos que reclamar que se deteña este despropósito. Pedimos a paralización destas obras e a restitución deste espazo ao seu estado anterior e esiximos que dende este momento se respecten escrupulosamente as cautelas e prohibicións que as leis ambientais determinan para este espazo natural. Esiximos da administracción que adecúe a súa política de obras públicas a esta sensibilidade pola natureza que os cidadáns de Ortigueira queremos poñer hoxe de manifesto de xeito inapelable.

ORTIGUEIRA 24 DE ABRIL DE 2011

NON MAIS RECHEOS NA RÍA!
NON MAIS ENGANOS!

lunes, 11 de abril de 2011

CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE SINATURAS CONTRA O RECHEO DA RÍA





Á DIRECCIÓN XERAL DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA
CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL

Na ría de Ortigueira, no espazo colindante coas actuais instalacións náutico deportivas, se teñen iniciado por parte do ENTE PUBLICO PORTOS DE GALICIA unhas obras de recheo da ría vinculadas á remodelación do porto deportivo e creacción dunha praia artificial, e ante estas actuacións consideramos:
  • Que a zona na que se está realizando este recheo está completamente dentro do espazo natural protexido da ría de Ortigueira que conta coas seguintes proteccións:
Humidal de Importancia  Internacional, especialmente como hábitat das aves acuática (convenio Ramsar 1971), formando xa parte da primeira proposta do Estado para o Convenio Ramsar (BOE 08/05/1990).
Lugar de importancia comunitaria DOG do 09/11/1999 e 2004/813/CE (DOUE 29/12/2004) 
Zona de Especial protección para as Avesdende Novembro do 1989
Humidal protexido (Decreto 110/2004 (DOG 07/06/2004), actualmente substituído polo Decreto 127/2008, de 5 de Xuño
Zona de especial protección dos valores naturais ( Decreto  72/2004, do 2 de abril)
  • Que a natureza das obras proxectadas ignora as devanditas proteccións, e incumpre as cautelas e prohibicións derivadas delas e recollidas en diferentes normativas ambientais, supoñendo unha grave alteración deste espazo.
  • Que, por outra banda, a necesidade desta agresiva intervencións non está xustificadas nin é resulta dela beneficio público algún.
Por todo o que, desa Dirección Xeral de Conservación da Natureza
SOLICITAMOS
e a Que proceda a ordenar a RESTITUCIÓN DESTE ESPAZO AO SEU ESTADO ANTERIOR.PARALIZACIÓN INMEDIATA DAS OBRAS

ASINA! FAI UN XESTO POLA RÍA!
Podes recoller follas de petición de firmas na secretaría do IES Ortigueira a partir de mañá (martes 12 de abril) e en A Coruña no enderezo C/José Luis Bugallal Marchesí 14 B 15008 Coruña (Polígono de Elviña 2ª fase)
Tamén podes descargar o pliego de firmas AQUÍ 
ou AQUÍ (DENDE MEGAUPLOAD)

domingo, 10 de abril de 2011

LA COZ DE GALICIA NON DEFRAUDA

Comienzan las obras para dotar a Ortigueira de una playa urbana
Pero xa estamos afeitos ao cinismo informativo deste mal chamado xornal. Afortunadamente os orteganos non temos que ler a prensa para saber o que se está a facer na ría. Solo necesitamos saír da casa para comprobar que nese espacio non se está a facer nin vai existir nunca unha praia, porque unha praia non se fai amontonando area. Tamén sabemos que a un recheo realizado con lodos contaminados non se lle pode chamar rexeneración, e que, pola contra, o que están a facer compromete irreversiblemente a recuperación deste espacio certamente degradado. Os orteganos tampouco apoiamos este proxecto. Non sei en nome de quén fala este medio, pero a maioría da xente que eu coñezo (e non somos tantos a coñecernos) ama e valora de verdade esta ría, sabe do seu inmenso valor ecolóxico e sabe que non necesita engadidos para mantelo nin para aproveitar o seu potencial turístico, senón que éste depende da súa integridade. Os orteganos, con comercio e sin él, non somos tan analfabetos.
Si ti tamén te opós a esta desfeita e aínda non o fixeches vai no Facebook á páxina CONTRA A DESFEITA DA RÍA adhírete e difúndeo. 




  

martes, 5 de abril de 2011

UN ROTO PARA UN DESCOSIDO


As obras de recheo e creacción dunha "praia" en Ortigueira solucionan un problema en Foz

A area, que chegará en seiscentos camións a Ortigueira procedente das obras de dragado do porto de Foz, nun primeiro proxecto ía saír por mar e ser depositada na praia de Arealonga. O reformado de ambos proxectos, o de Foz e Ortigueira responden a improvisacións para solucionar problemas xurdidos sobre a marcha unha vez iniciadas as obras, como se pode deducir dos titulares de prensa que anexamos a continuación:
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2011/03/04/0003_201103X4C3992.htm
http://elprogreso.galiciae.com/nova/82225.html
http://www.lavozdegalicia.es/amarina/2011/03/19/0003_201103X19C7991.htm

viernes, 1 de abril de 2011

EU TAMÉN VOU ESCRIBIR A PORTOS DE GALICIA


Vou seguir o exemplo de Mary Sande e escribir á Xunta para pedir explicacións por este atropello á ría e invito aos que visitades esta páxina e vos indignades ante este despropósito a que fagades o mesmo. 

Á Dirección xeral de Portos de Galicia:

"Chámome Patricia Pérez López e son cidadá de Ortigueira, maior de idade e con
sentido da responsabilidade pola conservación do entorno, por ese motivo non podo deixar de manifestar a miña alarma e pedir explicacións polas actuacións de remodelación do porto deportivo que están a realizar na miña localidade.
Quero saber si estas obras se corresponden co proxecto de dragado do porto financiado orixinalmente pola UE. Quero que precisen e xustifiquen os insalvables motivos técnicos que obrigan a invadir e modificar substancialmente unha zona que conta coas seguintes proteccións medioambientais (Humidal de Importancia  Internacional, especialmente como hábitat das aves acuáticas (convenio Ramsar), Zona de Especial protección para as Aves, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), Humidal protexido,  Zona de especial protección dos valores naturais (ZEPA) Quero saber si as autoriades medio ambientais foron consultadas, informaron e deron permiso para realizar estas obras. Non podo aceptar como explicación de todos estes daños un difuso beneficio público. E demando que, en caso de non ter unha resposta convincente deteñan este proxecto inmediatamente e restitúan a ría ao estado anterior a esta desfeita.

Atentamente, Patricia Pérez López"