domingo, 12 de junio de 2011

AS BANDEIRAS AZUIS, SON GARANTÍA DE ALGO?

FEE (Fundación para a Educación Ambiental) é unha entidade privada que todos os anos concede as coñecidas bandeira azuis. Outras sociedades como ATEGRUS (tamén privada e vinculada as empresas de servizos de limpeza) tamén outorgan distintivos semellantes. A todas as administracións dos municipios costeiros preocupalles a promoción turística do seu concello e se esforzan por obter estes "galardóns" dos que resulta unha boa publicidade nos medios de comunicación. Pola súa parte esta entidades premiadoras obteñen así presenza pública e difunden as súas actividades e servizos.
Pero os usuarios das praias tamén queremos saber se estes distintivos funcionan só como reclamo turístico e promocional ou pola contra serven como garantía de calidade ambiental. No caso dos premios Ecoplayas de ATEGRUS, estes se conceden a partir dun pouco imparcial mecanismo que consiste nunha memoria xustificativa da xestión global realizada na praia, que aporta o propio concello que concurre ao premio. Alomenos FEE concede as súas bandeiras sempre tras unha avaliación anual realizada por inspectores da propia entidade, en función de criterios ecolóxicos como a calidade das augas, a limpeza e a dotación de servizos.Asemade os usuarios (aínda que esta posibilidade é pouco coñecida) poden realizar denuncias si observan deficiencias ambientais. Nembargantes o prestixio das bandeiras azuis ultimamente está en franca regresión. En 1999 a Comisión Europea conxelou as subvencións destinadas á FEE pola cantidade de queixas e denuncias acumuladas contra esta entidade provenientes na súa meirande parte de España. As asociacións ecoloxistas (Greenpeace e Ecoloxistas en Acción entre outras) denuncian que o distintivo azul ondea en praias onde emisarios submarinos verten aguas fecais ou residuos industriais tóxicos e non se retiran de praias francamente degradadas polo urbanismo invasivo, polo que son fonte de confusión e poden constituir un auténtico engano para os usuarios destas. Pero os verdadeiros responsables de esta confusión son as administracións municipais porque queren facer pasar estas distincións por certificados oficiais de excelencia cando acreditan só a dotación de servizos como socorrismo e aseos.
Existe nembargantes un instrumento de avaliación ambiental verdadeiramente rigoroso. Se trata da certificación en xestión ambiental de praias mediante á aplicación da norma ISO 14001 e o Reglamento EMAS. O concello que solicita a implantación deste sistema obtén un certificado de tres anos de vixencia e recibe unha auditoría anual de seguimento por parte de empresas independentes que certifican o cumprimento da lexislación vixente xunto co do resto dos requisitos da norma de referencia. Asúmesmo debe establecerse un programa de obxectivos e metas medio ambientais, asumir un compromiso de prevención da contaminación e debe demostrarse unha mellora continua (non só unha intervención puntual) na xestión das praias. Os propios usuarios poden reclamar á entidade certificadora para que revise presuntas deficiencias, solicite medidas correctivas e incluso decida a suspensión do certificado.
Este sistema esixe, polo tanto o compromiso medio ambiental elevado e continuado. O que necesita un espazo protexido por lei como a praia de Morouzos e outras moitas do noso entorno, para a súa auténtica posta en valor como tal, pero é incompatible con prácticas que supoñen un reiterado atentado contra deste, como a xa denunciada e masiva acampada libre que sufre cada ano perante o festival. Por tanto o mais probable é que someterse a esta avaliación teña pouco interés para esta administracción, centrada na autopromoción e o marketing institucional, que por unha banda quere facer uso dos valores ambientais como reclamo pero non é quen de asumir o compromiso que esto conleva e segue anclado en esquemas de turistificación pouco sustentables e propios do desarrollismo doutro tempo. 

sábado, 4 de junio de 2011

UN MODELO A SEGUIR

Vilamor, en Folgoso do Courel é un núcleo pequeno, coma Cozadoiro ou San Claudio, pero con iniciativas propias de cara a dinamización social e turística, como a feira de artesanía que organizan por segundo ano. O Courel estase a converter nun modelo a seguir nese ámbito: Os seus núcleos están a ser restaurados con gran respecto cara a arquitectura popular e ao patrimonio etnográfico (Vilamor, concretamente, é exemplar) ademais teñen recuperadas e señalizadas decenas de rutas de sendeirismo, que non paseos artificializados como se entende eso aquí, con interese paiaxístico, científico, arqueolóxico, cultural e incluso gastronómico. Sexa cal sexa a estación, o Courel recibe visistantes. É o referente dos aficionados ao turismo de natureza, e por ese motivo debería ser tamén o modelo de desenvolvemento para unha comarca coma Ortegal que ten, polo seu privlexiado entorno, o seu maior capital turístico nese sector. No Ortegal invístense importantes sumas na promoción do turismo rural pero ten abandonados aspectos tan importantes como a conservación dos seus núcleos, permite a  degradación do seu patrimonio etnográfico, non preserva a paisaxe como debería, e considera que as parroquias non teñen a categoría suficiente para ser a sede dun evento cultural ou festivo. Nunca insistiremos o bastante: investir no rural é unha aposta polo futuro de Ortigueira.  

miércoles, 1 de junio de 2011

COAS NOSAS RIAS NON SE XOGA. MANIFESTO EN DEFENSA DAS RÍAS

5 de xuño DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Manifesto

COAS NOSAS RÍAS NON SE XOGA

CONSERVAR AS RÍAS E O LITORAL, GARANTÍA DE FUTURO



A instalación de gaiolas para o cultivo do salmón na ría de Muros representa outro episodio na confrontación entre dous modelos de obtención de alimentos: por unha banda a pesca de baixura, o marisqueo e os cultivos mariños que aproveita os recursos propios e depende do bo estado das rías. Por outra, o modelo da acuicultura industrial intensiva que fabrica peixes en cadea e deixa graves danos nos ecosistemas acuáticos. A pesca tradicional e o marisqueo baséanse en aproveitar a gran riqueza biolóxica das rías; xeran máis emprego e deixan máis valor engadido nas comunidades locais. A acuicultura industrial, tanto en terra como no mar, busca xerar grandes cantidades de peixe barato mediante a concentración, a alimentación forzada e o uso masivo de antibióticos e produtos químicos, cunha ridícula criazón de emprego. Tampouco contribúe a evitar a sobrepesca porque os pensos de salmóns e rodaballos fanse con fariña de peixes esquilmados polas flotas industriais de todos os mares do mundo.
As organizacións asinantes estámonos mobilizando a prol dun desenvolvemento sustentábel da pesca e a acuicultura, e en defensa dun futuro para as nosas rías e quenes viven delas. Queremos lanzar á sociedade unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade sobre o estado do mar e das rías. De alarma porque os ecosistemas mariños están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que botar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias.
A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respetuosa cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos povos. Aos mariñeiros só se lles permite escoller entre o desmantelamento das estruturas pesqueiras tradicionais para, como propón a UE, poñerse a pescar plásticos ou os empregos en precario da acuicultura industrial, que lles rouba a capacidade de producir alimentos e contamina o seu medio de vida.

As verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, os recheos e obras portuarias e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico e económico ás nosas rías.
O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo.
Persisten as graves ameazas de instalacións industriais como os depósitos do Ferrazo ou a planta de gas de REGANOSA, mentres proxéctanse máis recheos nas rías de Vigo, Ferrol, A Coruña... Sobre treitos costeiros de grande valor ambiental e cultural como o cabo Touriñán, Corrubedo, as dunas da Lanzada, ou a punta Carreiron en Cangas, pairan ameazas de piscifatorías, urbanizacións, campos de golf e portos deportivos.
O POL deixou fóra de ordeamento aos planos sectoriais que como o Acuícola, o Eólico, de Portos Deportivos, etc. entregándolle a costa ás multinacionais e quitándolla aos veciños/as coa ameaza da expropiación. E as recentes nodificacións da Lei do Solo van facilitar a ocupación de máis chan rústico e de protección, incluindo os sensíbeis espazos costeiros.

Non pode demorarse máis a posta en marcha medidas para garantir a sustentabilidade duns ecosistemas únicos, as nosas rías e o noso litoral, que xa están no límite da súa capacidade de carga.
Esiximos da administración a retirada dos proxectos de acuicultura intensiva do salmón nas rías e dos peixes planos no litoral e a aposta pola sustentabilidade dun modelo extractivo baseado na  a pesca artesanal, o marisqueo e os cultivos mariños e centrado na conservación dos ecosistemas,
Reclamamos a elaboración urxente dun plano estratéxico contra a contaminación mariña con obxectivos concretos, temporalizados e orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. É preciso tamén garantir a responsabilidade civil ilimitada para as actividades industriais que potencialmente poidan causar danos ao medio mariño.
Débense ampliar das áreas mariñas protexidas, refuxio e sementeira de biodiversidade, que permitan manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do mar. O tesouro das nosas rías, fonte de vida, sustento e identidade do noso país ten que preservarse para as xeracións vindeiras. É a nosa responsabilidade e o noso compromiso.

Muros, 5 xuño de 2011

ACUDE Á MANIFESTACIÓN EN MUROS O DOMINGO DIA 5 DE XUÑO ÁS 12:00 

DESDE ORTIGUEIRA SOSTIBLE SUSCRIBIMOS  ESTE MANIFESTO E SUMÁMONOS A CONVOCATORIA DE ADEGA