miércoles, 1 de junio de 2011

COAS NOSAS RIAS NON SE XOGA. MANIFESTO EN DEFENSA DAS RÍAS

5 de xuño DIA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

Manifesto

COAS NOSAS RÍAS NON SE XOGA

CONSERVAR AS RÍAS E O LITORAL, GARANTÍA DE FUTURO



A instalación de gaiolas para o cultivo do salmón na ría de Muros representa outro episodio na confrontación entre dous modelos de obtención de alimentos: por unha banda a pesca de baixura, o marisqueo e os cultivos mariños que aproveita os recursos propios e depende do bo estado das rías. Por outra, o modelo da acuicultura industrial intensiva que fabrica peixes en cadea e deixa graves danos nos ecosistemas acuáticos. A pesca tradicional e o marisqueo baséanse en aproveitar a gran riqueza biolóxica das rías; xeran máis emprego e deixan máis valor engadido nas comunidades locais. A acuicultura industrial, tanto en terra como no mar, busca xerar grandes cantidades de peixe barato mediante a concentración, a alimentación forzada e o uso masivo de antibióticos e produtos químicos, cunha ridícula criazón de emprego. Tampouco contribúe a evitar a sobrepesca porque os pensos de salmóns e rodaballos fanse con fariña de peixes esquilmados polas flotas industriais de todos os mares do mundo.
As organizacións asinantes estámonos mobilizando a prol dun desenvolvemento sustentábel da pesca e a acuicultura, e en defensa dun futuro para as nosas rías e quenes viven delas. Queremos lanzar á sociedade unha mensaxe de alarma pero tamén de responsabilidade sobre o estado do mar e das rías. De alarma porque os ecosistemas mariños están seriamente amezados pola irresponsabilidade e a cobiza de quenes só ven neles unha fonte ilimitada de recursos para explotar ou unha cañeira na que botar todo tipo de refugallos, sen reparar nas consecuencias.
A pesca artesanal, tradicionalmente sustentábel e respetuosa cos recursos do mar, esmorece, mentres se impoñen políticas pesqueiras orientadas á grande industria extractiva que especula co dereito á alimentación dos povos. Aos mariñeiros só se lles permite escoller entre o desmantelamento das estruturas pesqueiras tradicionais para, como propón a UE, poñerse a pescar plásticos ou os empregos en precario da acuicultura industrial, que lles rouba a capacidade de producir alimentos e contamina o seu medio de vida.

As verteduras urbanas e industriais, a degradación do litoral polo urbanismo salvaxe, os recheos e obras portuarias e o cambio climático, están colocando ao borde do colapso ecolóxico e económico ás nosas rías.
O urbanismo secuestra cada vez máis territorio no litoral, soterrando con formigón non só o espazo físico da paisaxe costeira, senón tamén o espazo cultural que fai parte da nosa identidade como pobo.
Persisten as graves ameazas de instalacións industriais como os depósitos do Ferrazo ou a planta de gas de REGANOSA, mentres proxéctanse máis recheos nas rías de Vigo, Ferrol, A Coruña... Sobre treitos costeiros de grande valor ambiental e cultural como o cabo Touriñán, Corrubedo, as dunas da Lanzada, ou a punta Carreiron en Cangas, pairan ameazas de piscifatorías, urbanizacións, campos de golf e portos deportivos.
O POL deixou fóra de ordeamento aos planos sectoriais que como o Acuícola, o Eólico, de Portos Deportivos, etc. entregándolle a costa ás multinacionais e quitándolla aos veciños/as coa ameaza da expropiación. E as recentes nodificacións da Lei do Solo van facilitar a ocupación de máis chan rústico e de protección, incluindo os sensíbeis espazos costeiros.

Non pode demorarse máis a posta en marcha medidas para garantir a sustentabilidade duns ecosistemas únicos, as nosas rías e o noso litoral, que xa están no límite da súa capacidade de carga.
Esiximos da administración a retirada dos proxectos de acuicultura intensiva do salmón nas rías e dos peixes planos no litoral e a aposta pola sustentabilidade dun modelo extractivo baseado na  a pesca artesanal, o marisqueo e os cultivos mariños e centrado na conservación dos ecosistemas,
Reclamamos a elaboración urxente dun plano estratéxico contra a contaminación mariña con obxectivos concretos, temporalizados e orzamentados que vise a eliminación dos focos de contaminación puntual e difusa no litoral así como a minimización do risco por verteduras accidentais e mareas negras. É preciso tamén garantir a responsabilidade civil ilimitada para as actividades industriais que potencialmente poidan causar danos ao medio mariño.
Débense ampliar das áreas mariñas protexidas, refuxio e sementeira de biodiversidade, que permitan manter unha actividade extractiva sustentábel e garantir o futuro das comunidades que viven do mar. O tesouro das nosas rías, fonte de vida, sustento e identidade do noso país ten que preservarse para as xeracións vindeiras. É a nosa responsabilidade e o noso compromiso.

Muros, 5 xuño de 2011

ACUDE Á MANIFESTACIÓN EN MUROS O DOMINGO DIA 5 DE XUÑO ÁS 12:00 

DESDE ORTIGUEIRA SOSTIBLE SUSCRIBIMOS  ESTE MANIFESTO E SUMÁMONOS A CONVOCATORIA DE ADEGA

No hay comentarios:

Publicar un comentario