sábado, 30 de abril de 2011

OITO RAZÓNS POLAS QUE FUMOS Á MANIFESTACIÓN CONTRA O RECHEO

O pasado día 24 numerosos cidadáns saímos á rúa para amosar a indignación e o rexeitamento que nos producen as obras que a Xunta está a realizar no porto da vila. Pese ao pouco tempo e aos escasos medios con que se realizou a convocatoria, a resposta dos orteganos foi enormemente satisfactoria e queremos transmitir a todos os participantes o noso agradecemento. Porén a magnitude da desfeita debería concitar unha reacción das mesmas proporcións, e cremos que a pasividade que amosou a maioría ten como orixe fundamentalmente a desinformación da que son en gran medida responsables os medios de comunicación institucionalizados, que actúan exclusivamente como correa de transmisión do goberno. Por iso queremos achegar de xeito resumido e transparente as razóns polas que tanta xente luciu o domingo pancartas pola rúa:
  1. Constitúe unha inaceptable demostración de cinismo que Portos de Galicia denomine “rexeneración” deste espazo a unha actuación que non tiña en absoluto esa finalidade e que nin sequera contou coa preceptiva Declaración de Efectos Ambientais.
  2. Consideramos tamén unha burla que se pretenda describir o amontonamento de area realizado no espazo contigüo ao porto como un proxecto de “praia urbana”, cando o lugar é insalubre, non reúne de ningún xeito condicións para tal fin e, asemade,  facer unha praia nunca foi o propósito de realizar dito acopio de area, nin así consta en ningún proxecto ou reformado realizado por Portos de Galicia.
  3. A realización dun recheo na ría no medio dun núcleo urbano coa finalidade de acoller os lodos dun dragado é completamente inxustificable. Mais aínda tendo en conta que se trata dun espazo da Rede Natura 2000 que conta con todas as figuras de protección que existen para zonas litorais de alto valor ambiental e nas que intervencións deste tipo están expresamente prohibidas pola Lei.
  4. Este recheo é innecesario para o desenvolvemento social e económico deste municipio, non aporta nada ao benestar dos orteganos e, de nengún xeito, compensa o seu custe ambiental. Pola contra supón a devaluación do espazo público que temos ao convertelo nun vertedoiro.
  5. O proceso de tramitación deste proxecto non contou coas garantías que prevén as leis de conservación do medio, nin se realizou coa transparencia necesaria para que os afectados puideramos achegar alegacións. A falta de exposición pública do proxecto íntegro púxonos aos cidadáns ante feitos consumados e en situación de indefensión.
  6. O elevados custes ambientais e económicos desta obra son consecuencia dunha deficiente planificación e de adoptar soluciones improvisadas sobre a marcha para problemas completamente alleos aos intereses desta comunidade.
  7. Todos os cidadáns somos responsables do patrimonio natural e histórico e temos a obriga de defendelo e esixir responsabilidades a quen o perxudica dun xeito tan difícil e gravoso de revertir.
  8. Coñecemos o valor da ría como espazo natural, queremos conservar íntegro este patrimonio para as xeneracións que han de vir detrás de nós e consideramos que esta intervención altera substancialmente o seu equilibrio ecolóxico e estético. Non imos deixar que os feitos consumados deteñan a denuncia deste proceder neglixente por parte da Administracción pública que debe velar polo medio ambiente, invertir os fondos públicos con criterio de sostibilidade e responder ante os cidadáns da súa mala xestión.

No hay comentarios:

Publicar un comentario