jueves, 24 de marzo de 2011

SOS PARROQUIAS

Anda a rede colapsada por mor da inminente campaña, que agora se discute no facebook como antes se facía na praza. Congratúlome de tan febril actividade que amosa, alomenos unha vez cada catro anos, interés na xente por participar na vida pública. Tampouco nós queremos estar ao marxe, e como fixemos na pasada campaña, imos facer aos partidos unha proposta que nos gustaría ver reflictida nos seus programas. Hai outras, dende logo, pero entre todas, ésta nos parece prioritaria.
Dende sempre o rural galego é o ámbito socioeconómico mais abandonado polas administracións. Históricamente renunciouse á sua revitalización e optouse tácitamente por favorecer o abandono dun medio en cuia viabilidade non se confiaba e que pasou deste xeito a constituír un problema. Ao longo destas últimas décadas, nun proceso cada vez mais acelerado precarizaronse os servizos, cando non desapareceron, os investimentos destinados a infraestructuras foron sistemáticamente desviados, e non se fixo o menor esforzo cara á dinamización económica, pola contra, promoveronse aquelas actividades, sobretodo de tipo forestal, que favorecen o abandono. O rural derivou así cara a situación agónica que coñecemos. Qué erro mais grave.

Porque non só desentenderonse das necesidades de cidadáns e contribuíntes cos mesmos dereitos a recibir atención que os das vilas, senon que agravaron outro problema: o profundo desequilibrio demográfico provocado pola concentración masiva da poboación nos núcleos, que redunda no empioramento das condición de vida nas grandes cidades.
Pero o mais grave é que renunciouse, sen alternativa, ao enorme potencial económico de moitas comarcas. O caso de Ortigueira é paradigmático: Invístense grandes cantidades en infraestructuras industriais que non prosperan e en obras orientadas ao desenvolvemento turístico baseado nun modelo desacertado, e esquécese completamente o sector do que tradicionalmente dependeu a xente nesta comarca (segundo datos do AGADER ata un 45% da poboación en 1991, un 20% agora). Noutros concellos de semellantes características lévanse realizado iniciativas como a creación dunha denominación de orixe, feiras e eventos de contido agrogandeiro ou pesqueiro, e incluso puxéronse en marcha algunhas iniciativas I+D. En Ortigueira ao cabo de tantos anos, todo o investimento municipal realizado nas parroquias deixase ver nos consabidos farois e campos da festa. E non esquezo a restauración de escolares e centros sociais, con millonarios presupostos que non se corresponden coas obras realizadas, e que as veces non teñen actividade mais alá do día da inauguración.

Pola contra, as dotacións básicas das parroquias non experimentaron ningunha mellora, chegando a constituír un impedimento e un factor disuasorio para quen decide asentarse nelas. As parroquias de Ortigueira seguen a carecer de saneamento e traída de auga, teñen mala cobertura telefónica e señal de tv, deficiente subministro eléctrico e, por suposto (salvo en contados puntos) ausencia total de conexión a Internet; carencias que lexislatura  tras lexislatura se prometen subsanar sen facelo nunca, pese a que constitúen a causa mais directa do despoboamento que están a experimentar. Non terá que ir sendo hora de corrixir este desequilibrio? Non será tempo de atender ao aínda maioritario electorado deste concello? Nós apostamos pola revitalización deste rural. É o futuro de Ortigueira.

1 comentario:

  1. Que razón tes, en todo o que dis. Fáltábache falar da pirámide poboacional, da emigración de cerebros e do resto de servicios públicos esenciais, (sanidade, seguridade, mantemento e amaño das infraestructuras, cumprimento das normas medioambientáis e urbanísticas... pero é un bo toque de atención aos políticos.

    ResponderEliminar