martes, 8 de marzo de 2011

REMOVENDO NO FANGAL

Moi boas a todos de novo. Si, tivemos un parón, e demasiado longo. Pero quén se pode permitir non o ter? A vida marca os seus propios ritmos, porén non foi que perderamos interese polo noso tema. Lembran?: Ecoloxía, paisaxe, natureza, urbanismo, economía sostible e vida saudable....Tantas cousas importantes das que non se ocupan tan poucos. Parece mentira que sexan secundarias e incluso irrelevantes para tanta xente e para a totalidade da clase política. Andamos en período preelectoral e fíxense nas precampañas: Alguén fala algo desto? Nin palabra. Seguen a ser consideradas cuestións de escasa utilidade pública e subalternas de outros intereses. E o deterioro prosigue, as veces a un ritmo que nos deixa sen alento.
Como o que está a sufrir a ría víctima dunha brutal e inescusable agresión coa coartada da absurda, irracional e innecesaria remodelación do atracadoiro que se obstinan en chamar porto deportivo. Unha nova manchea de cartos malgastados nesta cada vez mais ruinosa e deficiente instalación. Fai dez anos inauguraron con gran boato unha considerable extensión de humidal convertido en aparcadoiro. Aínda non víramos frivolidade dabondo: desta volta están cementando a ría por pura e desaprensiva neglixencia.  
O motivo deste novo recheo é que non atoparon outro xeito de desfacerse dos lodos extraídos do embarcadoiro para facerlle mais calado. Este é o valor que lle outorgan á ría que, por certo, detenta a máxima protección ambiental. Non se me ocorre como poderían degradala mais se non gozara de tan esmerada defensa.
Aveciñanse tempos de autobombo  e de promesas electorais. Para nós é o momento preciso de recordarlle a quen proceda as súas débedas: Os responsables deste desmesurado desastre  xa non poden saldar ésta porque o dano é incalculable e probablemente irreversible. O único digno que poderían facer é esfumarse para sempre da vida pública. Lembrémolo e lembrémosllelo.

5 comentarios:

  1. Os que non se poden permitir ter un parón son os promotores, especuladores e caciques. Os demais, os que estamos fronte a eles, estamos sometidos aos altibaixos propios dos perdedores. Ás veces pensamos que algo conseguimos, outras que todo o perdimos. E seguimos cando podemos e como podemos.

    ResponderEliminar
  2. O mar de Aral, salvando as distancias,secou case por completo pola acción do home, deixando antigos portos prósperos convertidos en polvorentas cidades que xa non ollan a auga, nin poden vivir dela. En Ortigueira hai tempo que xa non vive da ría caseque ninguén, e aínda hai xente empeñada en que a sua auga siga afastándose da vila ate levar o malecón para Cuiña, dun xeito contra natura que pasará factura co tempo.En vez de pelexar contra a colmatación natural da ría, o que facemos é acelerála. Vale, pois adiante,el pueblo lo quiere, logo financiamos campañas de publicidade para "coñas marineras", perdón "villas marineras" e marcamos con tiza a onde chegaba hai anos a ría. Como semos!

    ResponderEliminar
  3. O POBO NON O QUERE!!!!!Sal e pregunta por aí. Non hai quen defenda eso. Salvo, claro, quen o fai.

    ResponderEliminar
  4. Todos mirando esa desfeita. Pois sola non se vai arranxar. Teremos que protestar, non? Haberá que facerse oir, non?

    ResponderEliminar
  5. Isto é motivo suficiente para pedir a dimisión de Girón, daqueles polvos veñen estes lodos !O Porto no Porto!

    ResponderEliminar