domingo, 12 de junio de 2011

AS BANDEIRAS AZUIS, SON GARANTÍA DE ALGO?

FEE (Fundación para a Educación Ambiental) é unha entidade privada que todos os anos concede as coñecidas bandeira azuis. Outras sociedades como ATEGRUS (tamén privada e vinculada as empresas de servizos de limpeza) tamén outorgan distintivos semellantes. A todas as administracións dos municipios costeiros preocupalles a promoción turística do seu concello e se esforzan por obter estes "galardóns" dos que resulta unha boa publicidade nos medios de comunicación. Pola súa parte esta entidades premiadoras obteñen así presenza pública e difunden as súas actividades e servizos.
Pero os usuarios das praias tamén queremos saber se estes distintivos funcionan só como reclamo turístico e promocional ou pola contra serven como garantía de calidade ambiental. No caso dos premios Ecoplayas de ATEGRUS, estes se conceden a partir dun pouco imparcial mecanismo que consiste nunha memoria xustificativa da xestión global realizada na praia, que aporta o propio concello que concurre ao premio. Alomenos FEE concede as súas bandeiras sempre tras unha avaliación anual realizada por inspectores da propia entidade, en función de criterios ecolóxicos como a calidade das augas, a limpeza e a dotación de servizos.Asemade os usuarios (aínda que esta posibilidade é pouco coñecida) poden realizar denuncias si observan deficiencias ambientais. Nembargantes o prestixio das bandeiras azuis ultimamente está en franca regresión. En 1999 a Comisión Europea conxelou as subvencións destinadas á FEE pola cantidade de queixas e denuncias acumuladas contra esta entidade provenientes na súa meirande parte de España. As asociacións ecoloxistas (Greenpeace e Ecoloxistas en Acción entre outras) denuncian que o distintivo azul ondea en praias onde emisarios submarinos verten aguas fecais ou residuos industriais tóxicos e non se retiran de praias francamente degradadas polo urbanismo invasivo, polo que son fonte de confusión e poden constituir un auténtico engano para os usuarios destas. Pero os verdadeiros responsables de esta confusión son as administracións municipais porque queren facer pasar estas distincións por certificados oficiais de excelencia cando acreditan só a dotación de servizos como socorrismo e aseos.
Existe nembargantes un instrumento de avaliación ambiental verdadeiramente rigoroso. Se trata da certificación en xestión ambiental de praias mediante á aplicación da norma ISO 14001 e o Reglamento EMAS. O concello que solicita a implantación deste sistema obtén un certificado de tres anos de vixencia e recibe unha auditoría anual de seguimento por parte de empresas independentes que certifican o cumprimento da lexislación vixente xunto co do resto dos requisitos da norma de referencia. Asúmesmo debe establecerse un programa de obxectivos e metas medio ambientais, asumir un compromiso de prevención da contaminación e debe demostrarse unha mellora continua (non só unha intervención puntual) na xestión das praias. Os propios usuarios poden reclamar á entidade certificadora para que revise presuntas deficiencias, solicite medidas correctivas e incluso decida a suspensión do certificado.
Este sistema esixe, polo tanto o compromiso medio ambiental elevado e continuado. O que necesita un espazo protexido por lei como a praia de Morouzos e outras moitas do noso entorno, para a súa auténtica posta en valor como tal, pero é incompatible con prácticas que supoñen un reiterado atentado contra deste, como a xa denunciada e masiva acampada libre que sufre cada ano perante o festival. Por tanto o mais probable é que someterse a esta avaliación teña pouco interés para esta administracción, centrada na autopromoción e o marketing institucional, que por unha banda quere facer uso dos valores ambientais como reclamo pero non é quen de asumir o compromiso que esto conleva e segue anclado en esquemas de turistificación pouco sustentables e propios do desarrollismo doutro tempo. 

2 comentarios:

  1. Na verdade, eu creo que ninguén elixe unha praia polo feito de que teña bandeira azul. Supoño que tal pano colgando esixirá unha posta en valor, uns servizos, un estado de conservación e certo grao de limpeza e adecuación á salubridade dos que nela se bañan. Creo, coma sempre, que todos estes conceptos son discutibles, non obstante, o feito de ter esa bandeira non quere dicir que como ti ben indicas ao final, ás veces se promocione a turistificación pouco sustentábel e o desenvolvemento doutro tempo. Creo que as praias do noso Concello, en xeral, gozan de boa saúde -malia algúns atropelos que todos coñecemos- porque o noso desenvolvemento como destino turístico aínda está por vir.

    ResponderEliminar
  2. E sería desxable que chegase, pero dun xeito compatible cos valores que se promocionan. Garantía diso para todos (turistas e non turistas)podería ser a implantación do regulamento EMAS. As bandeiras azuis perderon credibilidade e as veces actúan como publicidade engañosa.

    ResponderEliminar